Friday 03 de May de 2024

Diana Piñeiro, candidata á alcaldía do PP e Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas da Xunta, analizan os problemas de mobilidade do Temple e as diferentes propostas de infraestruturas para Cambre


Diana Piñeiro acompañou esta mañá a Ethel Vázquez nunha visita ao Temple, onde puido coñecer de primeira man a situación de continuo colapso que están a vivir as súas principais vías e que acaba afectando a todo o municipio, así como á área metropolitana.

“Queremos facer de Cambre un concello dinámico que atraia investimento e onde osveciños gañen calidade de vida, para iso presentamos un completo expediente para levar a cabo proxectos como a estrada 11-17 no Temple, rematar a conexión da Ártabra pola Gándara e realizar a rotonda do centro de Cambre que facilite a circulación do tráfico que vai a Brexo e Pravio, ou as ansiadas beirarrúas na contorna do Bosque Animado de Cecebre”, sinala Piñeiro.

“Solicitamos tamén a colaboración da Xunta para solicitar á Administración central unha rotonda provisional no acceso á AP 9, que permita canalizar parte do tráfico procedente da Costa da Tapia polo polígono do Temple, tal e como solicitaron os veciños. mentres que realiza o proxecto da estrada 11-17”, sinala Piñeiro.

“O novo goberno municipal debe centrarse en levar adiante as propostas de infraestruturas que precisa o concello, a través da colaboración coas demais administracións e os concellos limítrofes, non dedicando tempo a enfrontamentos que fan perder oportunidades de progreso para Cambre”, afirman os populares.